Brother presenta unhas pilas que se cargan mediante vibracións

luns, 19 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Os novos xeradores estarán dispoñibles tanto en formato AA como AAA

Brother desenvolveu uns pequenos xeradores de corrente eléctrica que funcionan en base a pequenas vibracións, que poden substituír a pilas AA e AAA, o que serviría, por exemplo, para os mandos a distancia de televisores e reprodutores de DVD, de xeito que con axitar o mando uns segundos poderiamos producir enerxía para que funcione, eliminando a necesidade de cambiar as pilas periodicamente.
Estes novos xeradores serían ideais para dispositivos que non consumen enerxía constantemente, e que á vez teñen un consumo reducido (duns 100 mW). Poderán verse entre os días 21 e 23 na feira Tecno-frontier 2010 que terá lugar en Tokyo,e na que un mando a distancia dun televisor, un mando dun sistema de iluminación e unha lanterna LED farán uso destas interesante tecnoloxía de carga.

PUBLICIDADE