Buffalo pon á venda o primeiro router Wi-Fi que acada velocidades de ata 1,3 Gbps

luns, 14 de maio do 2012 Marcus Fernández

Este mes vai chegar ás tendas o router Netgear R6300 que grazas a conectar con conectividade sen fíos baixo o estándar IEEE 802.11ac pode establecer comunicacións de datos sen fíos de ata 1,3 Gbps, presumindo de ser o primeiro dispositivo comercial deste tipo en pórse no mercado, pero non é bo consello vender a pel do oso antes de cazalo, e Buffalo Technology adiantouse co router AirStation WZR-D1800H, que xa está á venda, converténdose así no primeiro á venda a un prezo de 179,99 dólares (140,13 euros).
O novo router integra un chip 5G Wi-Fi de Broadcom, que permite triplicar a velocidade das actuais comunicacións por Wi-Fi N mantendo a retrocompatibilidade; cando opera na banda dos 5 GHz é capaz de realizar transferencias ata a 1,3 Gbps, o que resulta ideal para mover vídeo en alta definición ou a varios equipos conectándose á Internet de banda ancha. Paralelamente á conexión na banda de 5 GHz, tamén pode establecer comunicacións na dos 2,4 GHz a unha velocidade de ata 450 Mbps. Completan estas especificacións 4 portos LAN e 1 porto WAN (os cinco a 1 Gbps) e 1 porto USB para poder funcionar como almacenamento ou impresora en rede.
Para completar a este produto, Buffalo tamén estrea o bridge AirStation WLI-H4-D1300, que ten o mesmo prezo que o anterior, pero que ten a utilidade oposta (ou complementaria), ou sexa, que serve para conectar a 4 dispositivos por cable, tomando o seu acceso á Rede a través de Wi-Fi.

PUBLICIDADE