Buffalo presenta un disco duro con USB 3.0 e Wi-Fi N

xoves, 19 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Buffalo vai pór á venda no Xapón a primeiros do vindeiro mes por un prezo de 22.100 iens (229,22 euros) o seu novo disco duro HDW-P500U3, que cunha capacidade de 500 Gb e conectividade USB 3.0 (compatible con PC e Mac) destaca especialmente por contar con conectividade Wi-Fi N e batería interna de 2.860 mAh (suficiente para operar durante 4,5 horas, que pode cargarse mediante un adaptador de corrente ou por USB). Estas últimas prestacións son especialmente útiles para poder acceder aos contidos almacenados no disco duro dende dispositivos móbiles con iOS e Android, incluso sen ter un enchufe de corrente a man.
Este disco duro resulta moi práctico acceder a contidos multimedia dende o móbil ou o tablet sen ter que ocupar a limitada capacidade de almacenamento dos dispositivos móbiles (podendo ter incluso o disco duro nun maletín), e incluso para gardar as fotografías que tiremos co móbil nun dispositivo externo. Permite a conexión sen fíos de ata 3 dispositivo, pode funcionar en modo infraestrutura con encriptación ata WPA2-PSK (TKIP/AES), mide 130 x 84 x 23 milímetros e pesa 285 gramos.

PUBLICIDADE