Buscan financiamento para fabricar un tablet para aventureiros

luns, 13 de maio do 2013 Marcus Fernández

Un novo proxecto de micromecenado busca facerse realidade, e vai camiño de ser así, pois o novo tablet con Android chamado Earl está a recibir moitos apoios de cara a conseguir os 250.000 dólares que posibiliten a súa fabricación, tendo que achegar os usuarios que queiran facerse cun destes dispositivos 249 dólares (o que supón un aforro do 30% con respecto ao seu prezo de venda final).
¿Que ten de especial este tablet? Pois este dispositivo con Android 4.1 destaca por combinar pantalla de tinta electrónica (de 6 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles), GPS, sensor meteorolóxico e tecnoloxía de comunicación de radio, que xunto cunha construción sólida (resiste auga, po, golpes e temperaturas extremas) e a posibilidade de cargar a súa batería de 3.000 mAh (que achega unha autonomía de 20 horas) mediante un panel solar (que pode cargar a batería en só 5 horas), convérteno nun asistente ideal para aventureiros.

O tablet Earl pode cargarse en 5 horas baixo a luz directa do sol

Este orixinal tablet pode incluso funcionar con luvas postas (pois a súa pantalla é táctil grazas a tecnoloxía de infravermellos), funciona cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, lector de tarxetas microSD, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, ANT+, NFC, acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro, termómetro, barómetro, anemómetro, sensor de humidade, emisor de infravermellos, un grosor de 15 milímetros e un peso de 303 gramos, características que parece o suficientemente completas como para convencer da súa adquisición, pero a súa especialización resulta aínda máis atractiva, pois está pensado para facilitar os nosos percorridos e rexistralos (aproveitando tamén a información por sensores deportivos), advirte do estado do tempo con grande precisión, permite comunicacións de radio (podendo funcionar incluso como un Walkie-Talkie de grande alcance, pode recibir radio AM/FM/SW/LW, funciona con aplicacións para Android ordinarias e incluso está aberto a desenvolvedores que poidan realizar aplicacións para tirar proveito das posibilidades do Earl.
Haberá que agardar uns meses para ver se este produto consegue ofrecer todo o que promete, pero de seguro que moitos exploradores de todo o mundo estarán a colocar no seu punto de mira este proxecto de crowdfunding.

O tablet será resistente á auga, o po, as caídas e as temperaturas extremas

PUBLICIDADE