CECT lanzará en China o reloxo-móbil W100 no mes de setembro

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

CEC Telecom presentou o reloxo de pulso W100, que destaca por incorporar unha pantalla TFT táctil de 65.000 cores, 1 Gb de memoria T-flash para o almacenamento de datos, conectividade Bluetooth, radio FM, cámara de 1,3 Mpíxeles (que podería ser finalmente de 2 Mpíxeles se nos fiamos da imaxe promocional do reloxo) e un deseño colorista (vénderase en 7 cores distintas).
Con este terminal CECT agarda acadar o recoñecemento da súa marca en China, pois aínda que non podería ter moita demanda, si resultará moi rechamante, pois vén a ser o primeiro reloxo-móbil cunha aparencia aceptable, xa que presenta un tamaño bastante reducido e discreto.
O curioso reloxo estará dispoñible no mercado asiático en setembro, e non se coñece se chegará pronto a Europa, pero é xa todo un exemplo de que os terminais de telefonía móbil poden seguir a reducir o seu tamaño (en boa medida grazas ós sistemas de auriculares Bluetooth) mentres que no mercado aparecen terminais con pantallas cada vez máis grandes.

PUBLICIDADE