Cabanas bótase ás redes para a súa nova campaña turística

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Redacción

Unha captura extraída da nova imaxe do concello na Rede

Se un destino turístico quere medrar en canto a número de visitantes debe apostar por unha boa promoción e a día de hoxe cómpre lembrarse das oportunidades que neste senso achegan as novas tecnoloxías. Así o entenderon dende o Concello coruñés de Cabanas, que arestora está a traballar na posta en marcha do proxecto: Cabanas, a Fraga Feita Mar, un programa de promoción turística pensado para mellorar os rexistros de visitantes e o que iso supón para o sector hostaleiro e o comercio local. Basearase, en boa medida, “nas posibilidades que fornecen as novas tecnoloxías”.
As novidades que traerá este proxecto ao Concello serán: a estrea de nova imaxe institucional (presentada este martes e coa vista posta nos novos soportes), un inventario da Rede Turística, a creación dun arquivo fotográfico de recursos, elaboración de materiais audiovisuais para promocionarse, folletos turísticos divulgativos, ferramentas web e espazos en redes sociais (Facebook, Twitter, Google+, Linkedin, Pinterest, Instagram…) de cara a acadar un mellor posicionamento en liña do destino, amais de organizar xornadas de formación e divulgación, entre outras iniciativas.
Para acadar tal fin Cabanas contará coa axuda económica do GALP Golfo Ártabro Norte (Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro) que confirmou o seu apoio ao proxecto cunha achega de arredor de 40.000 euros. Segundo fixo saber o alcalde, trátase dunha “ambiciosa iniciativa dirixida a atraer a atención do potencial visitante poñendo en valor os recursos turísticos principais de Cabanas e centrándose especialmente nas posibilidades que brindan as novas tecnoloxías da información”.

PUBLICIDADE