Call of Duty 4 estreará versión para Mac a semana que vén

luns, 8 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os ordenadores de Apple normalmente teñen que cargar co sambenito de que non serven para xogar ou contan con poucos videoxogos adaptados para a súa plataforma, o que non quere dicir que os títulos que saian para a mesma sexan malos, e coma exemplo temos que o vindeiro día 15 sairá unha versión para Mac OS X do impresionante xogo Call of Duty 4: Modern Warfare, que xa tivo moito éxito nas súas versións para PS3, Xbox 360, PS2, Nintendo DS e PC.
Esta entrega da saga de Call of Duty foi moi ben recibida porque fuxiu da tópica ambientación na Segunda Guerra Mundial, para situar a acción na actualidade. Tamén destacou por un modo de xogo en rede moi elaborado (e que é do que máis proveito tirarán os afeccionados a este tipo de xogos).
Para poder xogar a este novo xogo no Mac será preciso contar cun equipo relativamente potente, pois funciona baixo Mac OS X 10.5.4 (Leopard) e precisa coma mínimo dun procesador Intel Core 2 Duo a 2 GHz, 1 Gb de RAM, 10 Gb de disco duro e unha tarxeta gráfica ATI X1600 ou nVIDIA GeForce 7300 con 128 Mb de RAM.

PUBLICIDADE