Call of Duty: Infinite Warfare poderá xogarse de balde entre os días 15 e 20

luns, 12 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A entrega anual de Call of Duty non está a funcionar comercialmente todo o ben que debera, principalmente porque Infinite Warfare mudou dunha ambientación no século XX a un escenario futurista, levando incluso a acción ao espazo, o que fixo que moitos usuarios optasen este ano por Battlefield 1 (ambientado na I Guerra Mundial), pero o cambio escenario non estragou completamente un xogo que continúa a ser moi sólido, e dende Activision confían en que o público pode gozar do xogo se lle dá unha oportunidade, de aí que permitirá que os xogadores de PlayStation 4 poidan descargar e xogar de balde a Call of Duty: Infinite Warfare entre os días 15 e 20 de decembro.
Os xogadores que vaian á PlayStation Store e instalen o xogo nesta fase de proba especial poderán acceder aos seus tres modos de xogo, ou sexa, que tanto poderán somerxerse na historia da campaña con Rising Threat e Black Sky, como introducirse no multixogador con amigos e rivais (Level Cap de 15) e tratar de sobrevivir nun parque de atraccións dos anos 80 infestado de zombis (Level Cap de 3).
Como é habitual neste tipo de experiencias de proba, unha vez rematados os días de xogo de balde, se o usuario opta por mercar o xogo poderá conservar os seus progresos.

PUBLICIDADE