Call of Duty: World At War supera os 11 millóns de copias vendidas

martes, 16 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Aínda que o Call of Duty 4 resultou moi refrescante e a súa secuela non seguise na mesma liña (pois finalmente dará lugar a unha nova franquía baixo a marca Modern Warfare) dende Treyarch anuncian que Call of Duty: World At War superou os 11 millóns de unidades vendidas dende novembro de 2008, o que confirma unhas fortes vendas que xa superaran os 1,88 millóns de copias no seu primeiro mes.
O primeiro paquete de mapas para a última entrega de Call of Duty tamén anda polos 2 millóns de descargas. En vista deste éxito, todo apunta a que cada 2 anos teremos unha nova entrega dun Call of Duty ambientado na Segunda Guerra Mundial (ou noutra guerra do século XX, como a Guerra do Vietnam) desenvolvida por Treyarch, mentres que Infinity Ward continúa a traballar no Modern Warfare 2 para que poida venderse a partir de novembro, agardándose que sexa un dos grandes títulos da campaña de Nadal.

PUBLICIDADE