Carterpillar integra un sensor térmico no seu novo smartphone resistente

xoves, 18 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado o accesorio FLIR ONE permitía converter un smartphone nun visor térmico, lembrando a películas como Predator, e agora a división de móbiles de Carterpillar sorprende comercializando un smartphone reforzado, o CAT S60, que integra o sensor térmico, de xeito que en vez de conformarse cunha cámara fotográfica ordinaria, integra un sensor Lepton que permite ver a temperatura do que nos rodea, o que pode ter usos profesionais e industriais moi específicos, de aí que esteamos ante un teléfono robusto, e incluso bastante gordo (supera o centímetro de grosor, algo ao que actualmente non estamos moi afeitos), tanto polo seu deseño reforzado e a cámara térmica como pola súa xenerosa batería de 3.800 mAh.
Grazas ao seu marco interno de aceiro o CAT S60 conta con certificación de grado militar 810G ante caídas, e a súa pantalla ten recubrimento Gorilla Glass 4, de xeito que estamos ante un terminal duro de roer, que incluso pode funcionar até unha hora a 5 metros de profundidade.
Este smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles que incluso pode empregarse con luvas ou cos dedos mollados, radio FM, NFC, e sistema operativo Android 6, que debería estar dispoñible aproximadamente no mes de xuño a un prezo de 599 dólares.

PUBLICIDADE