Casio estrea un novo móbil con pantalla 3D sen lentes e cámara de 16,3 Mpíxeles e flash LED

xoves, 21 de xullo do 2011 Marcus Fernández

A chegada das pantallas autoestereoscópicas aos teléfonos móbiles parece imparable, especialmente no Xapón, onde xa teñen varios terminais no mercado que permite ver imaxes 3D sen lentes como o Casio CA-01C, que vai comercializar NTT DoCoMo nos vindeiros días, e que parece estar máis preto dunha cámara compacta que dun teléfono, pese ao seu formato de cuncha.
O Casio CA-01C ten unha pantalla de 3,4 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, unha pantalla secundaria OLED de 0,8 polgadas e unha impresionante cámara cun sensor CMOS de 16,3 Mpíxeles, que pode gravar vídeo en alta definición e tomar imaxes en 3D. Tamén conta con conectividade Wi-Fi N, Bluetooth, infravermellos, conectividade con YouTube, soporte de DLNA (para ver contidos audiovisuais de servidores multimedia), función de moedeiro electrónico, sintonizador de televisión dixital, corpo resistente ao po e á auga, lector de tarxetas microSDHC e saída HDMI.
Tamén resulta curioso que este terminal vaia ser a estrea do ourizo azul de SEGA nas 3D co xogo Sonic Golf 3D, que permitirá competir a Sonic, Tales e o resto da súa panda en distintos modos de xogo.

PUBLICIDADE