ChatGPT Go chega a todo o mundo (e incluirá publicidade)

venres, 16 de xaneiro do 2026 Redacción

OpenAI vén de anunciar o lanzamento global de ChatGPT Go, un novo plan de subscrición pensado para quen precisa un acceso máis amplo ao asistente sen chegar ás capacidades avanzadas dos plans superiores. A chegada deste nivel intermedio compleméntase coa reorganización da oferta comercial dispoñible na plataforma, que agora inclúe opcións gratuítas, persoais e profesionais, así como plans orientados a empresas.
ChatGPT Go sitúase como unha alternativa accesible para usuarios que buscan máis continuidade nas súas interaccións. Cun prezo mensual de 9,99 euros, ofrece un acceso ampliado respecto ao plan gratuíto, permitindo manter conversas máis longas e con menos limitacións de uso. A compañía presenta esta modalidade como unha forma de “seguir chateando con maior acceso”, dirixida a quen emprega o asistente de maneira frecuente pero non require as capacidades de análise profunda ou memoria estendida dos plans superiores.

Plus e Pro: potencia para tarefas máis esixentes

Por riba de Go sitúanse ChatGPT Plus e ChatGPT Pro, deseñados para perfís que precisan ferramentas máis avanzadas. Plus, cun prezo de 23 euros/mes, está orientado a traballos que requiren razoamento máis profundo, como redacción, aprendizaxe ou análise de datos. Inclúe acceso ampliado aos modelos máis avanzados, entre eles GPT‑5.2 Thinking, así como límites superiores en mensaxes, cargas de ficheiros e memoria.
ChatGPT Pro, cun prezo de 229 euros/mes, está pensado para usuarios intensivos que buscan o máximo rendemento. Ofrece acceso completo ao modelo GPT‑5.2 Pro, maior capacidade de contexto e memoria, e prioridade nas novidades en fase de previsualización.

A publicidade como vía para ampliar o acceso

OpenAI tamén está a introducir cambios na maneira de financiar e distribuír o acceso a ChatGPT, e para conseguir a súa sustentabilidade comeza a incorporar publicidade en determinadas experiencias de uso (inicialmente o plan de balde e o plan Go nos EE.UU.), co obxectivo de manter opcións gratuítas e ampliar o acceso global ao asistente.
A empresa defende que esta estratexia permitirá sustentar a infraestrutura necesaria para ofrecer modelos cada vez máis potentes, ao tempo que mantén unha vía de entrada sen custo para millóns de usuarios.