Chega a España o Alcatel One Touch Scribe HD

martes, 11 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Tras a súa presentación en sociedade na pasada edición do CES de Las Vegas, o smartphone Alcatel One Touch Scribe HD chega a España, inicialmente a través de Yoigo, compañía que o introduce no seu catálogo de móbiles a un prezo de 269 euros, facendo asumible un tabletófono que permite empregar unha stylus na súa pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, no que poderiamos considerar como unha alternativa económica aos populares GALAXY Note de Samsung.
O Alcatel One Touch Scribe está dispoñible en negro, branco, vermello e amarelo, cun deseño curvo e delgado (ten un grosor de só 8,5 milímetros) bastante agradable e unhas prestacións máis que aceptables: funciona con Android 4.2.1, procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), Wi-Fi N, Wi-Fi Direct, Bluetooth 4.0, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, radio FM, cancelación de ruído e batería de 2.500 mAh (que achégalle unha autonomía de ata 500 horas en espera e 9 horas en conversa). Tamén inclúe unha Magic Cover para protexer a súa pantalla dun xeito cómodo e elegante (que pode quitarse con facilidade, pois suxéitase magneticamente).


Vídeo de presentación do Alcatel One Touch Scribe HD

PUBLICIDADE