Chega a España o Archos 7 Home Tablet

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Pese a que o iPad de Apple coloque o listón moi alto no que a prezo se refire, existen produtos alternativos moito máis asequibles, entre os que están os baseados en Android coma o Archos 7 Home Tablet, que vén de chegar a España en exclusiva para os centros de Media Markt por un prezo de 150 euros para o seu modelo de 2 Gb e a 180 euros para o modelo con 4 Gb de almacenamento, aínda que pare este mesmo mes tamén está programado o lanzamento dun modelo de 8 Gb que venderíase a 199,98 euros.
O Archos 7 Home Tablet mide 203 x 107 x 12 milímetros, pesa 388 gramos, é capaz de reproducir vídeo a 720p en numerosos formatos (incluíndo MKV), ten unha autonomía de 7 horas de reprodución de vídeo e 44 horas de música, conta con lector de tarxetas microSD, conéctase á Rede a través de Wi-Fi e, aínda que inicialmente está orientado a funcións básicas coma o acceso á web, o correo electrónico, a reprodución multimedia, a mensaxería instantánea ou a lectura de e-books, pode ampliarse o seu software a través da tenda AppLib.
Podemos entender que este trebello é o equivalente a un móbil con Android, ao que eliminan as funcións de voz e amplían o tamaño da súa pantalla ata 7 polgadas conservando unha resolución de 800 x 480 píxeles.
Por desgraza, a versión de Android integrada no trebello é bastante vella (a 1.5) e non incorpora o Android Market (supostamente para garantir unha boa experiencia de uso coa súa pantalla, aínda que na práctica dá a impresión de que buscan promover a compra das súas propias aplicacións).

PUBLICIDADE