Chega a España o Honor8X

mércores, 3 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A segunda marca de Huawei, Honor, vén de presentar un dos seus novos smartphones estrela para o mercado europeo, o Honor 8X, que pretende gañarse ao público cunha enorme pantalla de 6,5 polgadas cunha resolución de 2.340 x 1.080 píxeles (con pestana superior) que ocupa o 91% do espazo da súa parte frontal, aproximándose bastante o deseño todo pantalla que tanto se persegue nos últimos meses.
Este novo móbil inclúe unha cámara traseira dual cun sensor principal de 20 Mpíxeles con apertura f/1.8 e un sensor secundario de 2 Mpíxeles, e incorpora numerosos modos de disparo, iluminación 3D en modo retrato e cámara superlenta a 480 fotogramas por segundo. A cámara frontal, pola súa banda, queda nos 16 Mpíxeles e presume de contar cun modo ISO mellorado para recibir o dobre de luz.
O Honor 8X funciona cun procesador Kirin 710 de 8 núcleos, 4 GB de RAM e até 128 GB de almacenamento (ampliable mediante microSD), toma de auriculares, dobre SIM, lector traseiro de pegadas dixitais e batería de 3.750 mAh e, en contraste con moitos smartphones de marcas chinesas, este teléfono si conta con NFC para facilitar a realización de pagamentos contactless.
Este novo terminal chega a España a un prezo de 249 euros para a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, e de 299 euros para a versión con 128 GB de almacenamento, e na súa tenda en liña oficial coa súa compra inclúe uns auriculares Bluetooth de balde (valorados en 49 euros).

PUBLICIDADE