Chega a España o LG G Watch R

martes, 4 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o Moto 360 logrou destacar como o primeiro smartwatch con pantalla circular, a súa pantalla conta cunha sección negra que afea o produto, o que LG conseguiu evitar co seu LG G Watch R, reloxo con Android Wear que estaba previsto que chegase ás nosas tendas o mes pasado a un prezo de 299 euros, e finalmente chega agora a un prezo un chisco inferior (279 euros) conseguindo destacar tanto pola súa pantalla que debuxa un círculo completo, como por adoptar un deseño clásico de aceiro inoxidable e aluminio como os reloxos de pulso tradicionais e, de feito, permite o uso de correas estándar de 22 milímetros.
LG busca con este smartwatch chegar non só ao público early adopter que quere probar o último en tecnoloxía, senón tamén aos que se preocupan pola estética e a moda, e que claramente nin queiran agardar polo Apple Watch nin queiran limitarse a un smartphone de Apple (xa que o LG G Watch R funciona con calquera dispositivo con Android 4.3 ou superior).
O reloxo é resistente á auga e ao po, e conta cunhas prestacións técnicas notables para un dispositivo das súas dimensións, xa que tras a súa pantalla P-OLED de 1,3 polgadas cunha resolución de 320 x 320 píxeles agocha un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHZ, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, pulsímetro óptico, barómetro, xiroscopio, acelerómetro, compás e unha batería de 410 mAh.

O LG G Watch R é un dos poucos smartwatches que consegue ter unha aparencia semellante á dun reloxo de pulso

PUBLICIDADE