Chega a España o Samsung Galaxy M51

martes, 6 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A familia de móbiles Galaxy M de Samsung destacou sempre polas súas xenerosas baterías, que nos últimos tempos chegaron a capacidades de 5.000 e 6.000 mAh, pero que vén de rachar teito con Samsung Galaxy M51, móbil que vén de chegar a España en exclusiva a través de Amazon a un prezo de 389 euros e que presume dunha batería de 7.000 mAh con carga rápida de 25 watts que permite completar unha carga en menos de 2 horas.
Este smartphone sería o primeiro do mercado en contar cunha batería de 7.000 mAh, aínda que tampouco descoida outros factores, como un potente procesador Qualcomm Snapdragon 730G, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), pantalla Super AMOLED Plus Infinity-O Full HD+ de 6,7 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo 4K, así como en cámara rápida, cámara lenta e modo superestable) e cámara frontal de 32 Mpíxeles (con gravación de vídeo en 4K e selfies en cámara lenta), que conforman un dispositivo moi completo que consegue limitar o seu grosor en 9,5 milímetros e o seu peso en 213 gramos, o que pode sorprender se temos en conta a impresionante capacidade da súa batería.

PUBLICIDADE