Chega a España o casco autónomo de realidade virtual Oculus Go

martes, 26 de xuño do 2018 Marcus Fernández

En outono Facebook presentou un casco de realidade virtual que finalmente chegou ao mercado en maio, pero cunha distribución moi limitada, e finalmente xa o temos en boa parte de Europa, de xeito que xa podemos mercar o casco Oculus Go con 32 GB de almacenamento a un prezo de 219 euros e con 64 GB de almacenamento por 269 euros. A distribución española limítase inicialmente a Amazon e supón unha grande nova para todos os que queren introducirse na realidade virtual sen ter que realizar un grande investimento nin ter que escravizar o smartphone para o goce de experiencias envolventes.
Oculus Go é así un visor de realidade virtual axustable á nosa cabeza, que integra pantallas e altofalantes (aínda que recoméndase o uso de auriculares para unha experiencia máis inmersiva, que permite acceder a un catálogo de máis dun milleiro de xogos e aplicacións de realidade virtual e experiencias en 360 graos, que poden controlarse dun xeito cómodo valéndose dun mando sen fíos con botóns e unha superficie táctil para axudar a trasladar os movementos á realidade virtual.
Cómpre destacar que, aínda que é posible usar o casco con lentes graduadas postas, para unha maior comodidade existen lentes graduadas para Oculus Go que poden instalarse de xeito doado e poden ser un accesorio moi atractivo para os que teñan previsto empregar o casco durante longas sesións.

PUBLICIDADE