Chega a Europa o Honor 6 cun prezo moi axustado

mércores, 29 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Huawei busca gañar terreo fóra dos mercados asiáticos, e como estratexia para o territorio europeo decidiu optar por converter a súa gama de terminais Honor nunha marca de seu, achegando ao noso mercado dispositivos de grandes prestacións a prezos competitivos, dos que o primeiro smartphone é o Honor 6.
Este novo teléfono móbil pode presumir dunha pantalla Full HD de 5 polgadas (cun marco moi delgado e un recubrimento anti-pegadas), conectividade LTE, procesador de 8 núcleos a 1,3 GHz, 3 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 Gb, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, batería de 3.100 mAh, un grosor de 6,5 milímetros e un peso de 135 gramos, que pode adquirirse xa dende Amazon a un prezo de 299 euros, no que parece unha proposta chamada a competir do OnePlus One, que incluso podería gozar de maior aceptación por ter un tamaño máis comedido.
O Honor 6 goza dunha pantalla moi nítida e con cores moi vivas; a súa cámara traseira non só presume de resolución, senón que tamén quere destacar por ser capaz de tomar unha instantánea en só 0,6 segundos; a súa cámara frontal sorprende coa posibilidade de tomar auto-fotos panorámicas; e o máis importante para a meirande parte dos consumidores parece que será a súa autonomía, xa que aparte da súa elevada capacidade (3.100 mAh), tamén conta coa tecnoloxía SmartPower2.0, que axuda a incrementar a duración da batería un 30%, o que supón que este novo teléfono poida aguantar até dous días cun uso normal. Tamén conta cun modo de ultra-aforro de enerxía que permite que o teléfono poida manterse en espera até 24 horas máis.

PUBLICIDADE