Chega ao mercado o Touch Mouse de Microsoft

venres, 19 de agosto do 2011 Marcus Fernández

No outono de 2009 Apple incorporaba ao seu catálogo o Magic Mouse, un rato multi-táctil que revolucionaba o xeito de controlar os Mac, e agora que hai rumores sobre un paso a un segundo plano para fomentar o uso de trackpads (xa que o Mac OS X Lion fai un uso intensivo de xestos táctiles complicados de facer sobre a superficie dun rato) vén Microsoft e achega ás tendas o seu Touch Mouse, un produto moi semellante ao de Apple, pero destacando por ter unha mellor ergonomía (o Magic Mouse é excesivamente delgado).
O Touch Mouse está deseñado pensando no Windows 7 e, de feito, non funciona en versións anteriores do sistema operativo de Microsoft. Facilita moitas das tarefas cotiás que realizamos no ordenador, mudando os clics por xestos bastante naturais. Así, o novo rato interpretará xestos con 1, 2 ou 3 dedos, para moverse en páxinas web e documentos, mudar de fiestra ou acceder de xeito áxil ao escritorio.
O rato comunícase co ordenador sen fíos, valéndose dun receptor USB de pequenas dimensións (que pode deixarse sempre conectado no noso equipo ou mesmo gardalo no interior do rato), funciona con 2 pilas alcalinas AAA (incluídas) e conta con tecnoloxía BluTrack (de xeito que funciona sobre case calquera superficie).
O prezo oficial do Touch Mouse de Microsoft é de 79,99 euros, e non é o único produto nesta liña que ten a compañía de Redmond, senón que actualmente tamén ten no mercado ratos máis básicos (as súas funcións táctiles limítanse aos botóns principais e á barra de desprazamento) como o novo Explorer Touch Mouse (que tamén está a comezar a súa distribución europea nestas datas) e o Arc Touch Mouse (que destaca pola súa forma curvada durante o seu uso para conseguir unha boa ergonomía (podendo adoptar unha disposición recta para o seu transporte).


Explicación en vídeo do funcionamento do Microsoft Touch Mouse

PUBLICIDADE