Chega ás plataformas o disco Xela de Clara Pino e Pablo Vidal, en colaboración con Política Lingüística

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

As celebracións da poeta Xela Arias, homenaxeada na edición 2021 do Día das Letras Galegas, seguen aínda activas nesta recta final de ano. Sen ir máis lonxe, este 2 de decembro desenvolveuse unha das máis relevantes: a presentación do disco Xela, o último traballo de estudo dos músicos Clara Pino e Pablo Vidal. Os temas están xa dispoñíbeis nas plataformas, no Spotify ou tamén en Amazon Music, amais de en formato físico. No Facebook dos ditos artistas podemos atopar unha chea de datos sobre como foi collendo forma o proxecto ao longo destes meses.
Trátase dunha contribución musical que conta coa colaboración da Xunta, a través de Política Lingüística, e que consiste nunha escolma de cinco cancións que os artistas foron materializando sobre os poemas de Xela. Na cita, celebrada no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura, participaron Darío Gil, fillo de Xela, familiares e amigos da homenaxeada, os músicos Clara Pino e Pablo Vidal e mailo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na presentación, García salientou que esta contribución musical chega agora agora a nós neste último treito de 2021, poñendo un inmellorábel punto e final a un ano no que se foron publicando diferentes iniciativas para divulgar “entre o gran público a orixinalidade e o enorme interese da obra desta poeta”. Neste senso, Valentín García mostrouse convencido de que partir de agora Xela Arias “será unha autora de referencia para moita máis xente e todos os anos serán, dalgún xeito, o seu ano”.
Despedindo o ano de Xela
García destacou que “a menos de 30 días de despedir o ano de Xela Arias, a Xunta de Galicia segue promovendo a apoiando iniciativas que gaban a figura da autora de Intempériome”. Unha das últimas é o traballo acabado de presentar no Gaiás no que se compilan as cancións que Clara Pino (amiga da universidade da poeta), e Pablo Vidal foron compoñendo a raíz dos poemas Irás dirás virás, Non me conteño, Borracho, Teremos, terás e Trouxen augamel para agasallarte, da autoría de Arias.
Neste marco, García recordou que o Goberno galego prevé aínda máis celebracións antes de pechar o ano, como a inauguración da última parada da exposición Asinamos ser libres, na Fundación Curros Enríquez, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 17, ou a presentación dos XLIV Cadernos Ramón Piñeiro. Celebración de Xela Arias Intempériateme. Sobre a dificultade de traducírmonos, tamén o venres 17 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
Os artistas
Clara Pino é unha arpista e cantante viguesa que compaxina o seu labor como docente coa creación musical. Entre os seus traballos discográficos cabe destacar Sete saias, Loaira, Un dedo manchado de tinta ou Nowhere.
Pola súa banda, Pablo Vidal é un instrumentista, compositor e produtor cunha longa traxectoria que abrangue diferentes escenas musicais, desde o jazz ou o rock ata a música orquestral ou infantil, con constantes colaboracións con outros artistas. Xela é o seu segundo traballo conxunto con Clara Pino.

PUBLICIDADE