Chega cun día de adianto o Firefox 4

martes, 22 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Hoxe, día 22, era o día sinalado para a estrea definitiva, logo de meses en beta, da moi agardada versión 4 do navegador Firefox, unha ferramenta libre (coma as anteriores achegas) chamada a marcar aínda máis distancias co seu principal competidor, Internet Explorer de Microsoft, ao que xa conseguiu superar a principios de ano en Europa. Dáse a casualidade de que a chegada oficial do Firefox 4 estaba prevista para este martes 22, pero, con todo, irrompeu un día antes. Tras desta nova versión houbo meses e meses de traballo, máis dos que se agardaban, entre outras cousas porque os obxectivos marcados semellan máis ambiciosos ca en anteriores entregas. Para a Fundación Mozilla, responsable de Firefox, o reto é sacarlle a meirande cantidade de corpos.
Para descargarmos a versión 4, a cousa aínda non está clara ao cen por cen. De feito, mentres se escribía este texto da web habitual de Firefox en galego só se podía baixar a entrega previa. Imaxinamos que en breve mudarán as opcións. Segundo se apunta nos medios en liña, e mentres non se habilite ao longo deste martes 22 a ligazón específica, podemos acceder á versión 4 a través das ligazóns específicas para Windows, Mac OS X e Linux (ou navegando directamente polo servidor FTP de Mozilla).
Volvendo ao miolo e ás características da nova achega, dicir que está a pór en xogo unha serie de interesantes novidades. Os agoiros, meses antes da súa estrea, foron ben positivos, tal e como se fixo saber dende Código Cero reflectindo os plans amosados por Mike Meltzner (de Mozilla) nunha presentación na que expuxo os obxectivos para este versión 4, e que tería como principais novidades meirande velocidade e potencia (cun maior soporte de estándares coma o HTML5), amais dunha marxe máis ampla de control por parte do usuario.
Por certo que non todo foi un camiño de rosas. A nova versión achega un amplo número de miúdos problemas cos aplicativos de Sicore, Flash e Silverlight, problemas que finalmente a longa listaxe de deseñadores que traballa no desenvolvemento de Firefox deu superado. Segundo informou hai semanas a directiva de Mozilla, responsable do navegador, a espera vai pagar a pena.
En boa medida polas moitas vantaxes e novidades que trae no seu seo a versión 4, incluíndo un redeseño na interfaz do usuario, a incorporación de soporte HTML5 e un acelerador de hardware para vídeo de alta definición, entre outras cousas.

PUBLICIDADE