Chega dende o Portal da Lingua un concurso para homenaxear a Xela Arias

luns, 11 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar un concurso co que pretende homenaxear a Xela Arias, a autora premiada no Día das Letras Galegas neste ano 2021. Os participantes deberán elaborar unha exposición sobre as obras, época e lingua da autora. Poderán presentarse no concurso os centros docentes de ensino público non universitario que dependan da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Esta actividade será unha das iniciativas do Portal da Lingua, www.lingua.gal, para celebrar as nosas letras neste ano entrante.
En total, concederanse dous premios, un por cada categoría participante. A categoría A será válida para os nenos e nenas que estuden educación infantil e primaria, mentres que na categoría B loitaran os mozos/as de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. O centro gañador recibirá un premio de 2.000 euros por cada categoría.
Tamén poderán participar os profesores dos establecementos escolares. De feito, aqueles que participen de forma activa no proxecto, recibirán unha certificación. Polo primeiro premio, se lles concederá un título de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente (30 horas para os coordinadores).
En todo momento cumpriranse as medidas sanitarias e os protocolos COVID – 19. Por iso, os traballos da exposición serán de 2 formas diferentes. Poderanse realizar 10 carteis, de 70 por 50 centímetros, en disposición vertical (todos deben incluír a frase DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021 e o nome da autor/a) ou unha guía didáctica dunha extensión máxima de 32 páxinas, que conterá unha serie de actividades para cada cartel (incluirá portada e contraportada, índice, biografía e bibliografía). Os traballos serán orixinais, con técnica libre e cores a elixir. As imaxes deben levar citas textuais e os materiais audiovisuais teñen que ser de balde.
Todos aqueles centros que se queiran presentar, terán que facelo antes do día 1 de marzo. As categorías seleccionadas serán impresas en formato dixital e publicadas no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

info portfolio

PUBLICIDADE