Chegan a España os Poco M8 5G e M8 Pro 5G

xoves, 8 de xaneiro do 2026 Redacción

Xiaomi reforza a súa aposta pola gama media con dous novos modelos da marca Poco que chegan ao mercado español con especificacións ambiciosas e un claro enfoque na relación calidade‑prezo. Os Poco M8 5G e Poco M8 Pro 5G estrean deseños renovados, melloras en pantalla e batería, e un salto notable en potencia, situándose como opcións competitivas para quen busca un smartphone equilibrado sen disparar o orzamento.

Un Poco M8 5G centrado na eficiencia e na experiencia diaria

O Poco M8 5G chega cun corpo lixeiro e un deseño curvo de 7,35 mm, acompañado dunha pantalla Flow AMOLED de 6,77 polgadas con refresco de 120 Hz e brillo máximo de 3.200 nits. O dispositivo aposta polo procesador Snapdragon 6 Gen 3, fabricado en 4 nm, pensado para ofrecer un rendemento fluído en tarefas cotiás e xogos lixeiros.
A autonomía é outro dos seus puntos fortes: incorpora unha batería de 5.520 mAh con carga rápida de 45 watts e incluso admite carga inversa de 18 watts para alimentar outros dispositivos. No apartado multimedia, destaca un sistema de dobre altofalante capaz de aumentar o volume ata un 300 % respecto ao modelo anterior, segundo datos internos da marca.
A cámara aposta pola intelixencia artificial para mellorar retratos e eliminar reflexos en cristais, ademais de permitir gravación en 4K e novas funcións de edición con Dynamic Shots 2.0. O dispositivo tamén incorpora certificación IP65, lector de impresións dixitais en pantalla, NFC e tecnoloxías de interacción con Gemini, o asistente de Google integrado no ecosistema Xiaomi.

O Poco M8 Pro 5G dá un salto cara a prestacións máis premium

O modelo Pro sitúase un chanzo por riba, tanto en potencia como en resistencia. O Poco M8 Pro 5G integra un procesador Snapdragon 7s Gen 4 e unha batería masiva de 6.500 mAh, capaz de ofrecer máis de dous días de uso segundo probas internas. A carga rápida alcanza os 100 watts, permitindo completar o 100 % de capacidade en preto de 40 minutos co cargador incluído.
A pantalla tamén mellora: un panel AMOLED CrystalRes 1.5K de 6,83 polgadas, con 3.200 nits de brillo máximo e frecuencia de refresco de 120 Hz. O audio reforzase con altofalantes estéreo simétricos que poden incrementar o volume ata un 400 %.
No apartado fotográfico, o Poco M8 Pro 5G aposta por unha cámara frontal de 32 Mpíxeles e novas ferramentas de edición baseadas en IA, como AI Erase Pro, AI Image Expansion ou eliminación de reflexos. O deseño tamén incorpora proteccións avanzadas: certificación IP66/IP68, cristal Corning Gorilla Glass Victus 2 e un chasis reforzado con certificación SGS de resistencia a caídas e presións.

Prezos e dispoñibilidade

O Poco M8 5G parte dos 229,99 euros na súa configuración de 8 GB + 256 GB, mentres que o Poco M8 Pro 5G comeza nos 309,99 euros para a mesma combinación de memoria. Ambos están dispoñibles en negro, prata e verde e con 256/512 GB de almacenamento interno.