Chegan a España os smartphones máis económicos da serie Galaxy A

xoves, 27 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A nova familia de teléfonos Galaxy A de Samsung conta con terminais móbiles en todos os rangos de prezos, e os modelos máis básicos tiñan pendente a súa chegada a España, até agora, cando saen á venda o Galaxy A10 e A20e a prezos recomendados de 169 e 199 euros respectivamente.
O modelo máis básico, o Galaxy A10, chega con pantalla HD+ de 6,2 polgadas, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles (con apertura f/1.9), cámara frontal de 5 Mpíxeles (agochada en pantalla nunha reducida pestana superior con forma de V), Wi-Fi N, Bluetooth 5.0 e unha batería de 3.400 mAh, de xeito que gozará dunha grande autonomía. Unha característica que si sorprende é que veñan con NFC, ou sexa, que estamos ante un smartphone que, pese ao seu prezo axustado, é compatible con Samsung Pay.

Os Samsung Galaxy A20e chegan en 3 cores distintas

Na mesma liña temos o Galaxy S20e, que pese a ser máis caro opta por unha pantalla máis cativa (5,8 polgadas) e, en consecuencia, unha batería menor (3.000 mAh), pero incorpora un procesador máis potente, 3 GB de RAM, cámaras máis competas (a cámara frontal é de 8 Mpíxeles e a cámara traseira é dobre de 13 + 5 Mpíxeles) e un lector de pegadas dixitais na súa parte traseira.
En definitiva, que temos xa no mercado español un par de smartphones que, sen resultar rechamantes en especificacións, de seguro que van ter unha boa acollida comercial, especialmente na súa venda a través de operadores de telefonía, entre os que os dispositivos de Samsung teñen moi boa aceptación.

PUBLICIDADE