Chegan as Distopías Cotiás, encontros na Biblioteca Ágora arredor da pegada TIC na nosa vida

mércores, 15 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Non é nova a polémica que sempre suscita o uso das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá. Moitos opinan que a chegada a esta era dixital se traduce nunha distopía que deshumaniza e nun control ao que o individuo se somete por parte da tecnoloxía que, asemade, o converte nun ser máis individual. Xa a finais do século XIX falaban disto nas súas páxinas escritores como Huxley no seu Mundo Feliz ou Orwell na súa novela 1984. Ficcións á parte, e xa dende unha perspectiva máis ampla, Coruña Dixital estrea o vindeiro 27 de xaneiro na biblioteca do centro coruñés Ágora o ciclo Distopías Cotiás.
Trátase dun espazo de reflexión sobre tecnoloxías e prácticas na contorna dixital xerando fondos debates polo seu impacto na nosa sociedade, como son ética tecnolóxica, soberanía dixital, capitalismo de vixilancia, rexistros biométricos ou manipulación masiva.
Indo ao miolo deste encontro, a primeira sesión celebrarase o luns 27 de xaneiro, no espazo de conversa da biblioteca Ágora (19h), e leva por título Ética, Privacidade e Tecnoloxía: retos abertos para os anos vinte. O encargado de abranguer este tema será Pablo Castro (Trackula), desenvolvedor frontend e co-fundador de Arengu, activista pola liberdade en Internet e o software libre, amais de membro do colectivo GPUL e co-organizador de AtlanticaConf.
Cómpre sinalar que o artista gráfico Leo Sousa é o autor da imaxe e dos cartaces deste ciclo, que se celebra en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña e que conta co apoio de Coruña Dixital, programa da Concellería de Cultura e Educación da Coruña para facer chegar á cidadanía todo o que se coce nas redes dixitais.
A finalidade deste faladoiro é favorecer a conexión de persoas de calquera eido (non só tecnolóxico) interesadas en compartir coñecemento, reflexións e propostas.
En canto á participación nestes encontros, dicir que será aberta deica completar aforo, recomendando inscribirse no Meetup da iniciativa para reservar praza, xa que este aforo será limitado.
O formato previsto consta dunha breve charla inicial, onde unha persoa experta exporá un tema concreto e dun posterior tempo para o debate e a conversa aberta entre as persoas asistentes.
No primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre ás 19h no espazo de conversa da Biblioteca Ágora: luns 27 de xaneiro, luns 17 de febreiro, luns 16 de marzo, luns 20 de abril e luns 18 de maio.
Para obter información puntual destas citas é preciso visitar a axenda de Coruña Dixital ou subscribirse no meetup da iniciativa, onde tamén se formalizan as inscricións.
Por último, informamos que existe a posibilidade de propoñer unha charla, para iso cómpre escribir a ola@distopiascotias.gal.

PUBLICIDADE