Cisco presenta novas solucións PLC para o fogar

xoves, 2 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Para facilitar a comunicación de distintos dispositivos que teñamos no fogar sen os problemas de cobertura que moitas veces presentan as redes sen fíos, Cisco achega ao mercado español 2 novos dispositivos Powerline que aproveitan a nosa instalación eléctrica, de xeito que podemos conectar televisores intelixentes, reprodutores de Blu-ray ou consolas de videoxogos para que poidan acceder aos servizos que achega a Rede ou para o acceso a contidos en alta definición sen flutuacións, convertendo calquera enchufe da casa nunha conexión á Internet para ata 4 dispositivos simultáneos.
Esta tecnoloxía tamén pode empregarse para ampliar o alcance da nosa rede sen fíos, de xeito que o PLC pode contribuír na instalación de repetidores Wi-Fi, o que agradecerán os que teñan problemas de conectividade e que non poidan optar directamente por redes cableadas por empregar dispositivos como smartphones, consolas de videoxogos portátiles ou tablets.
As solucións PLC básicas de Cisco corresponderían aos paquetes Linksys PLEK400 (que inclúe 2 dispositivos PLE400, cun porto Ethernet cada un, que permiten establecer pontes de comunicación ata a 200 Mbps) e Linksys PLSK400 (cun dispositivo PLE400 cun porto Ethernet e outro dispositivo PLS400 con 4 portos Ethernet). Para amplificar a rede sen fíos teremos unha solución semellante coñecida como Linksys PLWK400 que estará composto por un adaptador PLC normal e outro que fará a función de punto de acceso Wi-Fi N.

Un dos terminais incluídos no Linksys PLSK400 permite conectar ata 4 dispositivos á vez

PUBLICIDADE