Colle pulo a plataforma que centralizará o acceso a todos os nosos servizos de transporte público

martes, 16 de agosto do 2022 S. P.

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou este mes de agosto a licitación do expediente para o subministro, deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, así como o da oficina técnica para a súa supervisión e dirección.
O contrato, licitado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco do Plan e-Mobility, terá unha duración de tres anos e un orzamento de 5,7 millóns de euros, e poderá ser prorrogado por un período similar, polo que o valor estimado é de algo máis de 9,4 millóns de euros.
O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas finalizará o 14 de setembro.
Segundo informou AMTEGA, a Plataforma de Mobilidade 4.0 ten como obxectivo “potenciar o transporte público” e “facilitar o acceso da cidadanía á información en tempo real en toda a comunidade, así como ofrecer métodos de reserva ou pago alternativos ao pago en efectivo”. A plataforma disporá dun planificador multi-modal que integrará toda a oferta de transporte público e estará aberta á dar acubillo a doutros servizos, como o transporte urbano, ou o 065 de apoio á mobilidade a persoas con discapacidade ou dependentes.
Amais, disporá dunha web e dunha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá a planificación de itinerarios, o acceso á información en tempo real e a xestión de reservas, pagos e bonificacións. A iniciativa posibilitará tamén introducir os pagos baseados en conta (Account Base Ticketing - ABT) que, segundo engadiu AMTEGA, “supón un cambio do modelo actual pague e viaxe a un modelo viaxe e xa pagará”. Tanto as reservas e pagos como o acceso ao transporte poderán facerse co teléfono móbil, cunha tarxeta bancaria ou coa nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia. O contrato contempla a expedición de 120.000 tarxetas adaptadas ao novo servizo.
A plataforma, que estará integrada co sistema de Axuda á explotación da mobilidade de Galicia (SAEGAL), está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia e no eixo 5 da Estratexia Galicia Dixital 2030, Conectividade dixital do territorio e o seu programa 14: Transporte e Mobilidade Dixital e Sustentábel.

PUBLICIDADE