Commandos anuncia o seu regreso

venres, 13 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A serie de xogos Commandos de Pyro Studios fixo historia a finais dos anos 90, converténdose no grande referente dos videoxogos españois, pero o seu estudio non foi quen de manter o seu pulo, o que resultou evidente tras o fracaso de Commandos Strike Force (entrega da franquía que fuxiu da estratexia en tempo real para apostar pola acción en primeira persoa), o que levou a Eidos a deixar de distribuír os traballos de Pyro. A compañía tentou mudar o seu rumbo, transformándose tamén sen éxito aos xogos móbiles, o que desembocaría na venda das súas franquías a Kaypso Media Group, compañía que tras pechar a compra das marcas de Pyro (Commandos, Praetorians e Imperial Glory).
Deste xeito Kalypso ten agora a propiedade da marca Commandos, o que teñen pensado aproveitar, ou sexa, que nos vindeiros anos veremos como chegan ao mercado novos xogos da serie Commandos, que de seguro que captarán a atención dos seareiros desta saga, especialmente se conservan as súa mecánicas de estratexia en tempo real que sentaron as bases de moitos xogos actuais.
Aínda que non dan detalles, o director de Kalypso Media Group asegura que van desenvolver «xogos completamente novos para todas as plataformas, así como unha extensiva adaptación dos títulos existentes a plataformas e tecnoloxías contemporáneas», ou sexa, que tanto teremos a remasterización dos vellos xogos como novas entregas.

Commandos: Behind Enemy Lines supuxo toda unha revolución en 1998

PUBLICIDADE