Como conseguir aplicacións clarificadas e transparentes, nun novo curso de Vitae

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

As ferramentas informáticas, pola súa natureza e polos obxectivos esixentes que pon en xogo, son ferramentas de complexidade que requiren, malia todo, unhas cantidades importantes de sinxeleza. Axudarnos a converter o complexo en comprensíbel, simple, accesíbel, lexíbel, transparente e dispoñíbel é un dos grandes obxectivos do Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas, que ofrece cada pouco a consultora galega Vitae, agora, dende o inicio da crise pandémica, en formato de aula virtual.
Esta actividade formativa, que chega agora en decembro á súa 13ª edición, constitúe unha importante fonte de recursos da que botar man para achegar, en materia de desenvolvemento informático, a máxima claridade posíbel.
O noso equipo, a nosa empresa, os nosos colaboradores e sobre todo os usuarios de cada ferramenta que fagamos vano agradecer.
Segundo recalcan fontes de Vitae, a claridade non é só boa en si mesma como un método para asegurar que a información non se desvirtúa, nin tampouco a comunicación, senón que tamén subministra grandes beneficios para que un servizo ou ferramenta poida evolucionar no tempo e ser optimizada e adaptada por outras persoas.
O novo curso celébrase na Aula Virtual de Vitae os días 13, 14, 15 e 16 de decembro.
O punto de partida desta actividade formativa de Vitae está nunha necesidade concreta por parte das empresas e profesionais: a demanda de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o complexo.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE