Company of Heroes 3 anúncianse estreando versión preliminar

martes, 13 de xullo do 2021 Marcus Fernández

SEGA e Relic Entertainment traerán de volta a finais de ano ao PC a súa franquía de estratexia en tempo real con Company of Heroes 3, anuncio que pilla bastante por sorpresa xa que vén acompañado pola súa pre-alpha, ou sexa, que os xogadores máis ansiosos poden inscribirse para poder probar o título no seu punto de desenvolvemento actual, podendo así facer un seguimento do proceso de creación do xogo e participar no seu deseño final.
Esta alpha preliminar estará dispoñible ao longo de tres semanas, e permitirá tanto xogar como participar en foros nos que os desenvolvedores de Relic compartirán documentación, deseños conceptuais e moita máis información sobre o traballo que están a realizar para devolver a vida a esta franquía.
En Company of Heroes 3 poderemos actuar como xeneral ao mando nunha campaña na que cada decisión conta. Poderanse dirixir forzas terrestres, aéreas e navais e crear liñas de subministro para evitar o avance inimigo nun novo mapa de campaña dinámico que fará que non nunca dúas partidas iguais. O xogo conta con modos de campaña e escaramuzas para poder coller experiencia antes de lanzarse á acción do seu modo multixogador.
A acción transcorrerá no Mediterráneo, ou sexa, que tanto poderemos realizar emboscadas en pasos de montaña en Italia como combater no deserto do norte de África, destacando o feito de que nas zonas de montaña a verticalidade afectaría moito á liña de visión das unidades en contraste coas chairas do deserto, ou sexa, que haberá que facer un uso intelixente do terreo.
Estamos ante un título dirixido aos afeccionados da Segunda Guerra Mundial, que gozarán especialmente da variedade de unidades que podemos atopar, así como do grande salto gráfico que dá este xogo desenvolvido baixo Essence Engine.

Tráiler de Company of Heroes 3

PUBLICIDADE