Competencia inicia un expediente contra Microsoft por limitar a venda de software

mércores, 21 de setembro do 2011 Redacción

A Comisión Nacional da Competencia (CNC) iniciou un expediente sancionador contra Microsoft por posibles prácticas restritivas da competencia. O expediente débese a que a CNC considera que Microsoft podería impedir ou limitar de forma inxustificada a revenda de software , segundo informa o organismo nun comunicado.
En concreto, a Dirección de Investigación da CNC está a investigar ás sociedades do xigante informático: Microsoft Ibérica, Unipersonal e Microsoft Ireland Operations Limited, pola limitación de licenzas de sistemas operativos para ordenadores persoais, nos que contaría cunha posición de dominio.
O expediente ten orixe nunha denuncia presentada por Elegant Business. A CNC tivo acceso a determinada información da que pode deducirse a existencia de indicios racionais da comisión, por parte de Microsoft dunha infracción dos artigos 1 e 2 da Lei de Defensa da Competencia (LDC) e dos artigos 101 e 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (Trfue).
A incoación deste expediente non prexulga o resultado final da investigación. A partir de agora ábrese un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución por parte da CNC.

PUBLICIDADE