Conseguen nunha tenda un Google Pixel 3 XL días antes da súa presentación

luns, 8 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Está previsto que mañá se presenten oficialmente os novos smartphones da familia Pixel de Google, pero este acto oficial non parece que vaia ter moito interese, pois levamos meses con filtracións do produto que deixan moi pouca marxe para a sorpresa, especialmente despois de que durante a fin de semana dende Engadget conseguisen un Google Pixel 3 XL a través dunha tenda de Hong Kong.
Aseguran que o novo smartphone ten unha construción robusta, que inclúe na súa caixa uns auriculares USB-C, un adaptador de USB-C a conector de 3,5 milímetros, un cable USB-C a USB-C, un adaptador USB-C a USB-A e un adaptador de corrente USB-C de 18 watts.
O móbil probado presenta unha pantalla de 6,3 polgadas cunha resolución de 2.960 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 845, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12,2 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo 4K até 30 imaxes por segundo), cámara frontal de 8 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo Full HD) e unha batería de 3.430 mAh. E como é de esperar, o terminal funciona con Android 9.
Aínda que sempre é difícil saber se este tipo de filtración é verídica, semella que estamos ante un produto real, que axustaríase aos rumores dos últimos meses, e confirmaría a liña continuista de Google, que continúa a empeñarse en dotar aos seus smartphones de referencia de cámaras duais, conseguindo uns resultados magníficos cunha configuración máis sinxela que a da competencia.

Ao conseguirse o terminal nunha tenda, non só confírmanse as súas especificacións técnicas, senón tamén os elementos que inclúe na súa caixa

PUBLICIDADE