Conseguen vulnerar a seguridade da PlayStation 5

luns, 3 de outubro do 2022 Marcus Fernández

O fallo de seguride explotado nos últimos días permite incluso a instalación de software na PS5

Nos últimos meses a escena ao redor das consolas PlayStation estivo moi activa por mor de distintas vulnerabilidades que facilitaban a execución de software non asinado na PlayStation 4 e tamén de xogos pirateados, coa vista posta na PlayStation 5 e, finalmente, o esforzo que realizaban veuse recompensado e están a celebrar que conseguiron vulnerar a seguridade da PlayStation 5 até o punto de poder instalar software.
O jailbreak da PlayStation 5 aínda está nunha fase inmatura, pero se temos en conta que para PS3 e PS4 é posible instalar software caseiro e xogos non oficiais, o panorama para a PlayStation 5 resulta preocupante, xa que estamos ante unha consola que aínda está emerxendo, resultando incluso difícil atopar unidades para a súa compra, e que xa teña enriba a sombra dunha posible piratería pode obrigar a Sony a tomar medidas moi drásticas para evitar que continúen a avanzar as técnicas que permiten vulnerar a seguridade da consola.
Polo momento non fixeron públicos os detalles que permite realizar o jailbreak da PlayStation 5, pero semella que será algo que nos vindeiros días terá grande repercusión dentro da comunidade, aínda que parece ser que a vulnerabilidade explotada correspondería a un fallo no navegador da PS5 que só estaría presente en consolas sen actualizar, ou sexa, que o alcance da vulnerabilidade sería un tanto limitado, xa que as consolas que se vendan no futuro estarían libres do exploit e a meirande parte das actuais estaría actualizadas.
Probablemente o máis preocupante da situación actual é que os membros da escena que anda a analizar o funcionamento da seguridade da PS5 teñen agora un control moi grande da máquina, recollendo información moi útil de cara a futuras vulnerabilidades explotables.

PUBLICIDADE