Contigo na Rede, un proxecto de FAEGA para mellorar a calidade de vida dos enfermos galegos

mércores, 27 de agosto do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, mailo presidente da Federación de Asociación de Enfermos de Galicia (FAEGA), Jesús Pascual, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o cal se porá en marcha o proxecto piloto Contigo na Rede, unha iniciativa que ten por obxecto a mellora da calidade de vida dos enfermos con insuficiencia renal crónica de Galicia mediante o uso das tecnoloxías da información e a comunicación.
O departamento de Fernando Blanco achegará 56.576 euros para o financiamento íntegro das actuacións do proxecto, que contará coa participación de 30 doentes en hemodiálise, diálise peritoneal e transplantados de diversas idades, niveis de dependencia e zonas xeográficas de Galiza (especialmente de zonas rurais).
Contigo na Rede persegue a inclusión social deste colectivo de enfermos mediante o aproveitamento do potencial das TIC para integrar as persoas en situación de desvantaxe social e desenvolverase a través da posta en funcionamento dunha rede dixital de servizos asistenciais, xestionados, a través dun servizo de videoconferencia, dende un centro dotado cun equipo multidisciplinar de facultativos especializados nas patoloxías que amosan os usuarios.
Na devandita rede integrarase un servizo de asesoramento laboral xurídico en liña, xunto coa realización de programas de formación para a incorporación ao mercado laboral a través dun achegamento blended (que combina o uso do ordenador coa interacción en directo co profesor). O servizo ofrecerá itinerarios individuais de inserción laboral, información e asesoramento sobre as ofertas de emprego máis axeitadas ao perfil do usuario, programas que faciliten a formación específica para a cualificación persoal e seguimento dos itinerarios formativos e da incorporación do traballador á empresa.
Asemade, Contigo na Rede incorpora un enfoque innovador ao coidado dos doentes con insuficiencia renal crónica, engadindo ao concepto de seguridade aspectos do entorno social e da saúde e contemplando o uso das novas tecnoloxías como eixe fundamental para o seu desenvolvemento. Innovación e Industria e FAEGA agardan que esta experiencia piloto consiga mellorar a calidade de vida non só dos doentes (beneficiarios directos) senón tamén dos seus coidadores e familiares (beneficiarios indirectos).