Continental lanza unha plataforma de comercialización de contidos en Internet
mércores, 28 de novembro do 2007
Da alianza da galega Continental con El Deseo, Golem, Tornasol, Vértigo Films, Wanda Visión, Alta Films e Cameo vén de sair á luz o portal web de contidos cinematográficos Filmin. Esta nova páxina, que incluirá dentro da súa oferta contidos en galego, perfílase como unha comunidade cinematográfica integral que servirá, entre outras cousas, para darlle pulo ós contidos e coñecementos cinematográficos que un grupo de empresas do audiovisual vén recompilando e desenvolvendo nos últimos anos.
O devandito proxecto Filmin parte do convencemento de que “o futuro da industria audiovisual (como sempre aconteceu con todos os cambios tecnolóxicos e culturais) débese apoiar na convivencia de formatos, de obras, de experiencias...”. É por iso que, ó longo de ano e medio de investigación, este grupo de firmas audiovisuais uniron os seus esforzos para crear un espazo no que “todo aquel que vive por, de e para o cine”, poida sentirse cómodo e obter información e recursos de utilidade.
Entre outras cousas, os usuarios de Filmin poderán ver e descargar contidos tales como longametraxes, curtametraxes, entrevistas, making ofs, esceas eliminadas de títulos de autores consagrados e debutantes... ou pendurar as súas propias obras para que outros internautas poidan gozar delas.
Filmin xorde, polo tanto, para ser un espazo de intercambio ceibe de información, coñecemento e reunión, alén da súa feitura de tenda virtual. Dito doutro xeito: trátase dun espazo na Rede con, segundo os seus impulsores, “vocación de cimentar unha comunidade na que directores, críticos, produtores, distribuidores ou espectadores atopen todo aquilo que ata o de agora só se podía atopar espallado en múltiples portais extranxeiros”.
Este proxecto, que non estará plenamente disponible ata marzo de 2008, conta coa colaboración da ESAC (Escola de Arte e Audiovisual de Cataluña) e da empresa tecnolóxica Démini.
