Continúa con problemas o proxecto para facer realidade un ZX Spectrum con forma de consola portátil

luns, 13 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cada vez son máis os proxectos de micromecenado que decepcionan, erosionando a confianza dos usuarios neste fórmula para facer realidade produtos de electrónica de consumo, e un caso que leva meses provocando bastante rebumbio é o da consola portátil Sinclair ZX Spectrum Vega+, que pese a ter recadado máis de medio millón de libras esterlinas para producir uns poucos milleiros de máquinas, continúa a ter problemas para cumprir os prazos prometidos, para indignación dos seus mecenas.
A consola que prometía achegar os vellos xogos de ZX Spectrum nun formato semellante ao da PSP de Sony, pese ao seu elevado prezo (100 libras esterlinas ás que había que engadir os portes) os promotores do proxecto non conseguen levalo adiante, encadeando desculpas do máis peregrino, como a aparición de problemas coa calidade dos botóns da consola até o descubrimento a última hora de que no software faltaban características esenciais, ás que suman os problemas internos da empresa promotora (varios dos seus máximos responsables abandonaron a compañía o ano pasado).
Inicialmente estaba previsto que a Sinclair ZX Spectrum Vega+ vise a luz en setembro de 2016, aproximándose ao Nadal anunciaron que os numerosos adiamentos levarían a que as consolas se entregasen en febreiro, o que claramente non pasou, e dado que aínda continuaban a recibir encargos a través de Indiegogo, a plataforma de micromecenado tivo que meter mans no asunto e conxelar o sistema de pedidos para que ninguén máis puidese pedir novas unidades dun produto que aínda non entregou nin a primeira unidade.
A situación deste proxecto está a tomar un cariz surrealista, con responsables de Retro Computer Limited (RCL) chegando a acusar aos medios de comunicación como a BBC de estar a atacalos inxustificadamente, facéndoos vítimas de ameazas por parte de mecenas descontentos, cando son os propios mecenas os que denuncian unha e outra vez que RCL non está a responder ás súas mensaxes nin aceptan solicitudes de reembolso dun pedido non atendido en tempo e forma (ao que non están obrigados, xa que, pese ao que pode parecer, o micromecenado non é unha compra, senón que o produto final é unha recompensa).
Neste momento dende a páxina web do proxecto en Indiegogo os promotores aseguran que aínda tardarán varias semanas en enviar as primeiras unidades da Vega+, e en canto fagan tal dende Indiegogo restaurarán o sistema de pedidos para que calquera que o desexe poida solicitar unha unidade desta adiada máquina que moitos amantes da informática retro desexan, aínda que tras o mal trato dado aos mecenas é posible que non confíen en RCL para facerse cun dos seus produtos.

PUBLICIDADE