Contra Returns chegará a móbiles a finais de xullo

martes, 29 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O xogo de acción Gryzor (coñecido internacionalmente como Contra) causou furor a finais doa anos 80 en máquinas recreativas, ordenadores persoais e consolas de videoxogos, deixando unha fonda pegada que provocou que este título rexurdise en distintas variantes nos últimos anos, de xeito que en dispositivos móbiles puidemos ver Contra: Evolution e hai apenas un par de anos tamén puidemos ver Contra Anniversary Collection, recompilación que incluía varios xogos desta saga para poder gozar dos mesmos en PC, Nintendo Switch, Xbox One e PS4.
Agora o xogo busca volver de novo a dispositivos móbiles como Contra Returns, título que chegará para iOS e para Android este mesmo verán (concretamente o 26 de xullo), e que está a quecer motores para lanzar en breve unha beta que permitirá probar a experiencia clásica deste xogo de desprazamento lateral con gráficos en alta definición actualizados, modelos de personaxes en 3D e efectos de son e vídeo que transmiten novas sensacións.
Contra Returns achega novos personaxes, novas liñas narrativas e armas personalizables, elementos que permiten aos xogadores desbloquear habilidades e conquistar o campo de batalla coa mesma emoción das entregas do xogo que pululaban os salóns recreativos. Inclúe 200 niveis baseados no xogo orixinal, 5 novos modos de xogo e moitos outros elementos para crear un xogo único, que agradecerán especialmente os incondicionais da saga.

Tráiler de Contra Returns

PUBLICIDADE