Control destaca entre os xogos de PS Plus do mes de febreiro

xoves, 28 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus xa saben os xogos que recibirán no mes de febreiro nas súas consolas, cunha combinación bastante diversa de xéneros que moitos agradecerán.
O xogo exclusivo para PlayStation 5 incluído en PlayStation Plus é o título de combates con vehículos Destruction AllStars, que permite competir en catro modos de xogo distintos, podendo elixir entre 16 personaxes con cadanseu vehículo e habilidades propias.
Aínda que o xogo máis rechamante de febreiro sería Control: Ultimate Edition, que pode xogarse en PS4 e PS5, e métenos na pel de Jesse Faden, a driectora da Oficina Federal de Control, que mediante o uso de habilidades sobrenaturais ten que enfrontarse á invasión dun sinistro inimigo. Este título en terceira persoa é un traballo de Remedy Entertainment (responsables de Max Payne e Alan Wake) que nesta edición inclúe as dúas expansións que saíron despois do seu lanzamento.
Concrete Genie para PlayStation 4 é un xogo moi especial que tamén se inclúe con PS Plus en febreiro, e que convídanos a limpar as rúas e calellas utilizando pintura vivente para invocar a xenios que axudarán cos seus poderes máxicos a resolver quebracabezas e defender ao mozo protagonista dos matóns que o perseguen. Un título que recibiu numerosos galardóns e que grazas a incorporarse a PlayStation Plus pode chegar a un público máis amplo.
En España tamén figura entre os xogos de febreiro Dawn of Fear do estudio valenciano Brok3snite, un survival horror para PS4.

PUBLICIDADE