Creative actualiza o seus tablets a Android 2.2

luns, 21 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Aínda que a meirande parte dos fabricantes de tablets con Android teñan a vista posta na versión 3.0 do sistema operativo promovido por Google, iso non impide que os produtos que xa están no mercado actualicen os seus Android 2.x, o que vén de pasar co Creative ZiiO 7”, que dende o 18 de marzo está a distribuirse con Android 2.2, mentres que o Creative ZiiO 10” deberá agardar a abril para contar con tal actualización (pois actualmente véndese con Android 2.1).
Entre as vantaxes do salto de Android 2.1 a 2.2 destacadas por Creative están a posibilidade de instalar aplicacións tanto na memoria interna como en tarxetas de memoria, ver páxinas web tanto en formato móbil como na súa versión para equipos de escritorio, melloras de seguridade de cara ao desbloqueo dos terminais, mellor soporte de idiomas e un motor de conversión de texto a voz.
Estes tablets con Android 2.x de Creative están no mercado a prezos que parten de 249,99 e 299,99 euros (con 8 Gb de almacenamento, incrementándose o seu prezo en 20 euros de contar con 16 Gb) nos seus modelos con pantalla de 7 e 10 polgadas, contando ambos con Bluetooth 2.1, Wi-Fi, cámara dianteira e un bo soporte de formatos multimedia, aínda que coma punto feble podemos destacar que as súas pantallas táctiles son resistivas, polo que estariamos ante uns trebellos que quedaron fóra de xogo tras a rebaixa de prezo do iPad (que conta con pantalla capacitiva).

Táboa comparativa entre os tablets ZiiO 7" e 10" de Creative

PUBLICIDADE