Crysis 3 será o primeiro grande shooter de 2013

luns, 16 de abril do 2012 Marcus Fernández

Electronic Arts e Crytek anunciaron hoxe que a súa saga que é todo un referente de aproveitamento gráfico (especialmente no PC) grazas ao popular motor CryENGINE, Crysis, terá unha nova entrega en 2013, que chegará en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC e procurará volver a elevar o listón en efectos visuais, sen deixar de lado unhas mecánicas de xogo moi dinámicas.
Crysis 3 recupera ao personaxe de Prophet, que volverá a New York para atopar que a cidade foi encerrada nunha nanocúpula creada pola corrupta Cell Corporation, dando lugar a unha especie de selva urbana.
Como curiosidade, o protagonista, que converterase en todo un cazador, que non só tirará proveito do nanotraxe de anteriores entregas e de armamento e tácticas avanzadas, senón que tamén fará uso dun arco, que parece ser o elemento máis representativo desta nova aventura.
Crytek tamén anunciou que os xogadores que queiran reservar o xogo poderán facerse cunha versión especial alcumada Hunter Edition, con numerosos contidos adicionais (e a posibilidade de probar o modo de xogo multixogador antes do lanzamento oficial do xogo), adiantando tamén que distintas tendas poderán ofrecer para os usuarios que reserven Crysis 3 varios paquetes que desbloquearán contidos do modo de xogo en rede.

O arco é a novidade máis rechamante de Crysis 3

PUBLICIDADE