Curioso sistema de son que axuda a durmir

xoves, 16 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Unha empresa norteamericana comercializa uns orixinais auriculares que en vez de colocarse nas orellas se emprega como unha cinta para a cabeza, e pretende axudar ao seu usuario a conciliar o sono.
O uso dos Sleepphones é doado, e consiste en colocar a cinta na cabeza e conectala a un reprodutor musical (tanto de MP3 coma de CD) a través dun conector estándar de 3,5 milímetros, para poder escoitar sons relaxantes á hora de durmir (inclúe un CD con música ambiental de paxaros e de auga). Tamén se pode conectar a unha radio-espertador (aínda que a súa función neste caso sería xusto a contraria á orixinal do produto, pois serviría para facernos erguer da cama).
Este curioso trebello se vende a 59,95 dólares, aínda que polo momento só se pode adquirir dende EE.UU. (polo que habería que engadir ao seu prezo os gastos de envío).

PUBLICIDADE