Cyberpunk 2077 supera os 13 millóns de copias vendidas

mércores, 23 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Pese a que o lanzamento de Cyberpunk 2077 foi unha grande decepción e a condición actual do xogo levase a que o retirasen da PlayStation Store non estaría a pasar factura económica a CD Projekt Red, compañía que oficialmente anunciou que a 20 de decembro vendeu máis de 13 millóns de copias de Cyberpunk 2077, matizando que a esta cantidade restou as primeiras devolucións do xogo.
Se ben aínda é moi cedo para facer balance, xa que os usuarios aínda están en condicións para devolver o xogo (algunhas cadeas de tendas físicas comezaron a aceptar devolucións do xogo esta mesma semana), moitos xogadores continúan a confiar en CD Projekt Red e na experiencia que ofrecerá Cyberpunk 2077 unha vez se solucionen os seus principais erros, de aí que non estean a proceder a pedir a devolución dos seus cartos e opten pola paciencia.
Cómpre salientar que nas dúas últimas semanas publicáronse 3 actualizacións do xogo con numerosas correccións de erros cada unha e, aínda que estea lonxe o momento no que poderemos dicir que o xogo funciona como prometían que faría, nun par de meses o xogo podería funcionar aceptablemente nas plataformas máis potentes, sendo toda unha incógnita se conseguiran que non resulte frustrante a experiencia de xogar en consolas da anterior xeración.
O que tamén debería chamar á reflexión é o feito de que Cyberpunk 2077 tivese 8 millóns de copias reservadas e que, sumando os primeiros días de vendas chegase aos 13 millóns de copias vendidas, xa que confirmaría que moitos usuarios adquiren os xogos dun xeito impulsivo e sen informarse debidamente, o que non deixa de ser rechamante nun sector no que habitualmente non é posible devolver os produtos comprados (agás que estean sen usar).

PUBLICIDADE