Cyberpunk 2077 terá versión para consolas de nova xeración en poucos meses

luns, 29 de novembro do 2021 Marcus Fernández

CD Projekt Red, o estudio polaco detrás do polémico Cyberpunk 2077, vén de presentar os seus resultados trimestrais, aproveitando a ocasión para dar detalles sobre as súas planificación para os vindeiros meses, que agradecen os que aínda teñan confianza depositada na compañía e os seus traballos en curso.
Lembremos que CD Projekt Red adiou a planificación prevista para Cyberpunk 2077, para centrarse en corrixir os seus problemas técnicos antes de incorporar novas funcionalidades, e finalmente sabemos que no primeiro trimestre de 2022 o xogo contará con versións para consolas de nova xeración, que actualmente poden gozar do xogo grazas á retrocompatibilidade, e que en poucos meses contarán cunha versión mellorada que os actuais usuarios recibirán sen custo adicional.
Cómpre así lembrar que os interesados en facerse co xogo para PS5 ou Xbox Series X|S teñen agora interesantes ofertas para mercar as versións de PlayStation 4 e Xbox One. Temos así que aínda que Cyberpunk 2077 foi un dos lanzamentos máis catastróficos da industria dos videoxogos, economicamente segue a ser un produto que funciona moi ben, e incluso está a gozar de grandes vendas estes días (impulsado principalmente polos descontos propios destas datas).
Coa vista posta na nova xeración CD Projekt Red tamén confirmou que teñen previsto lanzar no segundo trimestre de 2022 unha versión de The Witcher III: Wild Hunt para consolas de nova xeración, que incluirá melloras visuais, todas as expansións do xogo e contidos adicionais inspirados na serie de Netflix inspirada na mesma saga de libros que o xogo.

PUBLICIDADE