Cyberpunk 2077 volverá á PlayStation Store o vindeiro luns

mércores, 16 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O lanzamento do xogo Cyberpunk 2077 foi extraordinariamente polémica, por mor dos numerosos erros que contiña o xogo e polo seu moi deficiente funcionamento en consolas da anterior xeración, o que levou a que o título fose retirado da PlayStation Store, medida que podía tomarse inicialmente como unha humillación para CD Projekt Red, pero que demostrou ser bastante prudente, xa que o xogo foi acumulando actualizacións e tardou máis de medio ano en chegar a un estado que poida considerarse medianamente aceptable para o seu retorno aos estantes dixitais de Sony.
Finalmente Cyberpunk 2077 volverá á PlayStation Store o vindeiro día 21, pero este retorno non quere dicir que o xogo estea á altura do prometido polos seus desenvolvedores, senón que simplemente xa non é un xogo que está completamente roto, e dende Sony advirten de que Cyberpunk 2077 continúa a ter problemas de rendemento en PlayStation 4, polo que recomendan que quen queira xogalo empregue unha PS4 Pro ou unha PS5, para conseguir así unha mellor experiencia de xogo.
O retorno do xogo á tenda dixital de PlayStation provoca grande curiosidade, xa que podería influír positivamente nas vendas, aínda que iso dependerá moito do proceder de CD Projekt Red nos vindeiros meses, xa que a compañía ten que demostrar que segue a coidar este título para que a súa compra poida compensar a longo prazo.

PUBLICIDADE