DJI estrea un estabilizador para cámaras sen espello

xoves, 18 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos tempos os estabilizadores físicos para a gravación de vídeo experimentaron un grande avance, grazas en boa medida a compañías como DJI, que desenvolveron moita da súa tecnoloxía coa vista posta nas cámaras dos drons. E precisamente esta compañía vén de pór á venda un novo estabilizador de tres eixes para uso a unha man que permite crear vídeos profesionais de xeito doado con cámaras sen espello.
O Ronin-SC sería unha versión lixeira (soporta unha carga de 2 quilos) do Ronin-S (soporta unha carga de até 3,6 quilos) que non só reduciría o peso soportado, senón tamén o seu prezo, de xeito que pasa dos 499 aos 359 euros na súa versión básica, facendo máis asumible a compra deste tipo de produto (que non deixa de ser unha gama de entrada (hai configuracións de estabilizadores Ronin que se achegan aos 10.000 euros).
Este novo estabilizador, cun peso de 1,1 quilos e unha batería cunha autonomía de até 11 horas, permite a creación de contidos de calidade en case calquera parte, xa que é unha solución moi compacta, e incluso eleva a posición da cámara sobre o eixe de rotación para poder ter a pantalla da cámara sempre á vista (a diferenza doutros modelos que obrigan ao uso dunha pantalla externa), pode rotar 360 graos (o que permite crear secuencias únicas), contan con distintas funcións automáticas (panorámica, timelapse, timelapse en movemento e mesmo memorización de movementos), pode facer seguimento activo de obxectivos montando un smartphone sobre a cámara e incluso estrea a función Force Mobile (que permite controlar o estabilizador inclinando ou xirando o teléfono.
Tamén pode completarse con accesorios (como un motor para controlar o enfoque) ou incluso engadirlle unha placa polivalente con diversos orificios dun cuarto de polgada, o que fai doado ancorarlle distintos accesorios. Unha solución moi práctica para gravar vídeo de calidade nas cada vez máis populares cámaras sen espello.

Vídeo promocional do estabilizador DJI Ronin-SC

PUBLICIDADE