DJI lanza unha cámara de cine con enfoque LiDAR

mércores, 20 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que DJI é un fabricante normalmente recoñecido polos seus drons de consumo, leva tempo facéndose un oco no mercado da gravación de vídeo profesional, de aí que veña de lanzar a cámara DJI Ronin 4D, que combina unha cámara estabilizada full-frame Zenmuse X9, cun estabilizador de 4 eixes, un sistema de enfoque LiDAR e un sistema de transmisión de vídeo e control nunha única unidade, de xeito que é unha solución moi atractiva para os profesionais creativos que queiran realizar tomas espectaculares.
Esta cámara de deseño modular pode adquirirse nunha versión básica capaz de gravar vídeo en 6K por 6.999 euros, así como nunha versión que grava en 8K e inclúe adicionalmente unha PROSSD de 1 TB por 10.999 euros. Aínda que poida parecer un prezo elevado, estamos ante unha das solucións de gravación deste estilo máis económicas do mercado, ofrecendo imaxes de elevada calidade e a posibilidade de intercambiarlle os seus obxectivos, conseguindo así unha grande versatilidade.
Dende DJI inciden no feito de que é a primeira cámara de cine de 4 eixes do mercado, ou sexa, que inclúe un eixe Z activo para eliminar efectivamente as sacudidas verticais, facilitando que secuencias gravadas mentres o operador anda, corre ou se desprace ao redor dun xeito dinámico poidan verse de xeito estable sen ter que empregar equipamento adicional.
Resulta bastante abraiante que para mellorar o enfoque DJI optase por incorporar tecnoloxía LiDAR a esta cámara, ou sexa, que ten sensores que miden a distancia aos obxectos, o que así fai doada axustar o enfoque automaticamente e con grande precisión.
A tecnoloxía de transmisión sen fíos desta cámara tamén é un portento, permitindo un control remoto do obxectivo e incluso do enfoque automático. A tecnoloxía DJI O3 Pro permite un alcance de até 6 quilómetros cunha saída de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo, o que permite unha magnífica monitorización, grazas tamén á latencia de transmisión ultrabaixa .
Coa DJI Ronin 4D podemos gravar vídeo en 8K até a 75 imaxes por segundo, gozar dun rango dinámico de máis de 14 pasos e tirar proveito dun ISO nativo de 800 a 4.000 (permitindo gravación con moi pouca luz), aínda que tamén podemos salientar que inclúe filtros ND de 9 pasos, polo que resultaría práctica en contornos moi iluminados. A Ronin 4D ofrece o mellor rendemento de estabilización e seguimento da serie Ronin até o momento, podendo pasar a manexarse en modo Sport (que permite reaccións rápidas) con só premer un botón, aínda que en moitas ocasións sería incluso mellor aproveitar as súas posibilidades como ActiveTrack Pro, sistema de visión por ordenador capaz de identificar obxectos e persoas para facer un seguimento automático dos mesmos mantendo o axuste da composición.

A nova cámara mantén un formato compacto pese a ter grandes posibilidades

Vídeo de presentación da DJI Ronin 4D

PUBLICIDADE