DRIVECLUB para PS4 podería non chegar a saír este ano

martes, 11 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Parece que a Sony atragóanselle os xogos de condución, e así como o Gran Turismo 5, presentado como un dos grandes reclamos da PlayStation 3, tardou uns 4 anos en ver a luz dende o seu anuncio oficial, agora temos que DRIVECLUB parece seguir os mesmos pasos coa PlayStation 4 pois, aínda que debía ser un xogo de lanzamento da nova consola, dende Evolution Studios e Sony decidiron que o xogo non estaba o suficientemente pulido, de xeito que adiaran o seu lanzamento ao presente ano, pero a cousa parece estar aínda peor do esperado, e dende IGN están a dar conta de que o xogo tería “volto á mesa de debuxo” para poder facer un xogo de calidade.
Este adiamento parece froito dunha mala decisión estratéxica de Sony, que deixou en man dun estudio pouco atinado un dos estandartes da súa consola pois, aínda que Evolution Studios teña moita experiencia en xogos de condución, os seus títulos están no subxénero do rally e do campo aberto (a franquía MotorStorm é o principal logro deste equipo), que pouco teñen que ver co que buscan en DRIVECLUB.
Scott Rohde, un dos responsables dos estudios internos de Sony, é quen asegura que “non queremos lanzar un xogo antes de que estea listo”, asegurando que queren estar seguros de ter un xogo de calidade antes de poñelo a disposición do público. Aínda que anteriormente anunciaran que o xogo sairía ao longo de 2014, Rohde xa non é quen de poder garantir iso, rexeitando facer declaracións sobre a data de lanzamento final dun xogo que terá a responsabilidade de baterse con magnífico Forza Motorsport 5 de Xbox One, polo que estamos nun lanzamento que pode considerarse estratéxico, por non medir só a xogos, senón tamén a plataformas.

PUBLICIDADE