Darksiders II sairá o 29 de xuño

mércores, 15 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Tras a sorprendente aventura que viviu Guerra, o xinete da Apocalipse, en Darksiders, THQ promete levar a experiencia máis aló co seu compañeiro Morte, quen protagonizará Darksiders II, xogo para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 que confirma que chegará a tempo para o verán, xa que a súa data de lanzamento queda fixada para o 29 de xuño, abríndose tamén a posibilidade de reservar o xogo en distintos establecementos, incluíndo engadidos para este impresionante título que pese a ter unha aparencia semellante a un hack’n’slash, poderiamos consideralo como un The Legend of Zelda para un público adulto.
Quen reserve o xogo na FNAC poderá desbloquear o paquete Angel of Death que incluirá unha blindaxe mellorada e un par de gadañas optimizadas; a reserva en El Corte Inglés premiarase co paquete Deadly Despair que engade velocidade adicional para o corcel de Morte; e os que opten por encargar o xogo en Media Markt recibirán o paquete DeathRides con múltiples misións secundarias exclusivas que permitirán unhas 2 horas de diversión adicional.

Encargando o xogo en El Corte Inglés, contarase cun corcel máis rápido
Os xogadores que reserven o xogo na FNAC poderán gozar dunha blindaxe mellorada
Quen reserve o xogo en Media Markt contará con 2 horas de misións secundarias adicionais

PUBLICIDADE