Dell estrea monitor táctil de 21,5 polgadas

mércores, 29 de maio do 2013 Marcus Fernández

Os monitores táctiles están a gañar relevancia en boa medida grazas a Windows 8, e fabricantes como Dell están a reforzar a súa presenza no seu catálogo, e tras pór á venda o Dell S2340T por 699,99 dólares, estrean agora o Dell S2240T, que pese a reducir o seu tamaño só de 23 a 21,5 polgadas, si mingua considerablemente o seu prezo ata os 399,99 dólares, facéndoo máis asumible.
O Dell S2240T é un monitor Full HD (1.920 x 1.080 píxeles) capaz de detectar ata 10 dedos na súa pantalla, cunha peaña que facilita a súa inclinación ata 60 graos para permitir un uso confortable e cun consumo realmente baixo (20 W para un uso típico). Conta con conexións VGA, HDMI e DVI-D para vídeo, saída de audio e USB 2.0 (para as funcións táctiles), é compatible VESA (o que permite a súa colocación en soportes e brazos que faciliten a súa colocación na parede) e supón unha importante aportación para quen queira empregar o seu ordenador de sobremesa para diversas tarefas que poden ir dende o traballo e a escola ata os usos máis lúdicos.

O monitor pode inclinarse para un uso cómodo

PUBLICIDADE